Os bugallos dos carballos, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidias, son unha reacción de defensa da árbore fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos.
A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos.
En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores). Nesa neoformación, a larva do insecto indutor atopará alimento e protección fronte ós seus inimigos naturais.
A forma que usualmente adopta o bugallo é esférica, coa superficie lisa ou cunha coroa de picos[1], pero noutros casos, en función do insecto indutor e da especie vexetal parasitada, os bugallos poden ter formas lenticulares, estreladas, de corno, ou ser totalmente amorfas. Calquera parte da planta (talos, gromos, follas, flores, froitos ou mesmo raíces) é susceptible de ser atacada polo insecto.
1 comentario:
Mira tí... "nunca te acostarás sin saber una cosa más".
E a túa avoa chamábavos carrabouxos?!?!?!
Debíades ser boas pezas para que os chamara coma unha "reacción defensiva da pranta que da lugar a unha estructura anormal dos tecidos vexetais" jijiji
Adiante carrabouxos, sodes xeniais!!!
Publicar un comentario